Monday 13 de May de 2024

A Xunta participa no III Encontro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor asistiu hoxe en Gandarío á inauguración das Xornadas, ás que asisten máis de 200 participantes

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor asistiu ao III Encontro das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña, no que participan máis de 200 voluntarios de 50 Agrupacións.

Luis Menor destacou que a Xunta leva colaborando máis de 10 anos coas asociacións provinciais, como entidades dinamizadoras e representativas das AVPC, axudando economicamente en actividades de promoción e en materias de autoprotección, formación do voluntariado de protección civil así como na organización e realización de operativos, exercicios e simulacros. Tanto Xunta coma concellos recoñecen a importante labor que levan a cabo cabo cada día os voluntarios de Protección Civil, polo que e de relevante importancia que estes profesionais conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións

O director xeral relatou que inicialmente a base do funcionamento da protección civil (prevención de riscos e xestión de emerxencias), no nivel local estaba en mans dos grupos de voluntariado, logrando crear unha ampla rede de Agrupacións de Voluntarios ás que se lles foi mellorando a dotación de medios materiais paulatinamente e a formación dos seus membros. Nesta liña, o director xeral explicou que para ter unha idea do importante traballo desenvolvido neste proxecto, basta con sinalar que no ano 1991, a nosa comunidade contaba só 9 AVPC, e na actualidade hai 220 AVPC rexistradas.

A mesma lei de Emerxencias de Galicia contempla que o Sistema integrado de protección civil e Emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional coma por voluntarios, definindo este último como aquel que, libre e desinteresadamente, se incorpora a entidades ou organización públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que teñen como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións definidas nesta lei como situacións de xestión de riscos e de emerxencias.

Formación e entrega de material
Na mesma liña, indicou que ao ser a protección civil un servizo esencial para a nosa sociedade, e por ser as agrupacións de voluntarios unha parte vital no funcionamento do sistema integrado de protección civil, a Xunta de Galicia vai a seguir prestando o seu maior apoio aos voluntarios potenciando a súa formación de modo que esta teña unha dobre finalidade, por un lado sirva para que mellore no posible a a súa cualificación no desenvolvemento da actividade e por outro, lle ofreza un plus na súa vida profesional. Así mesmo se manterá o apoio económico de maneira que esta labor non supoña un custo económico para os voluntarios e tamén que estes conten cos medios materiais axeitados para a súa intervención nas emerxencias nas que colaboran.

Luis Menor indicou que no que vai de semestre, un total de 73 voluntarios da provincia da Coruña levaron a cabo diversos cursos de formación na Academia Galega de Seguridade Pública, coma o curso básico de Protección Civil; e cursos máis especializados, coma Técnicas de intervención, auxilio e rescate ante situacións metereolóxicas adversas, busca de persoas desaparecidas e emprego de novas tecnoloxías, accidentes en estradas e prevención e loita contra incendios urbanos e forestais.

Ademais, as Asociacións da nosa comunidade recibiron por parte da Xunta durante o ano pasado, 64 todoterreo pico up, 51 remolques de emerxencias, 41 furgóns de transporte e loxística, 18 embarcacións pneumáticas, 33 esparexedores de sal e 20 carpas presurizadas con remolque.